O noso cole

O noso cole
O NOSO COLE. Supercurritos somos: Rafa, Israel, Tania, Évelin, Lucia, Celia, Nerea, Fernando, José, Alexa, Lois, Manuel, Pamela, Alejandra, Rodrigo e a profe, Rosa R.Álvarez

viernes, 30 de octubre de 2009

Illas Atlánticas

A Illa de Ons forma parte dun pequeno arquipélago formado por illas e illotes que se atopa na entrada da ría de Pontevedra. A illa de Ons, cos seus 6 km de lonxitude, é a illa máis extensa do Atlántico peninsular. A zona occidental é a máis escarpada, con abruptos cantís, en cambio a oriental é máis suave e conta con numerosas praias.
Pola súa riqueza natural e paisaxística, a illa de Ons é unha das compoñentes, xunto ás Cíes, Sálvora e Cortegada do primeiro Parque Nacional de Galiza. Mais Ons posúe tamén unhas características socio-histórico-etnográficas que xunto coa súa arquitectura popular mariñeira e a súa excelente gastronomía, convértena na illa máis interesante do parque nacional.


A Illa de Arousa ou A Arousa, é unha illa e concello, situada no interior da Ría de Arousa. Dende hai moito tempo alberga unha comunidade de pescadores, e hoxendía a súa economía está máis diversificada. Na actualidade está unida por unha ponte de 2 km ao continente, desde 1985.
Algunhas das súas praias son A Area da Secada, A Lavanqueira, O Vao, Camaxe, a praia de Carreirón, Espiñeiro e O Cabodeiro.
Esta vila independizouse de Vilanova de Arousa no ano 1996.


A illa de Cortegada é a meirande illa do arquipélago de Cortegada, situado na provincia de Pontevedra, preto do estuario do río Ulla na ría de Arousa, fronte ás costas de Carril, no concello de Vilagarcía de Arousa. Este arquipélago contén, á parte da illa de Cortegada, outros grupos de illas, coma as illas Malveiras ou as illas Briñas, e está incluído no parque nacional das Illas Atlánticas.
Con algunhas praias e dous pequenos outeiros de pouco máis de 20 metros de altura cubertos por unha abundante flora; o maior bosque de loureiros da Península Ibérica, piñeiros, e outra vexetación.


A Illa de Sálvora está situada na boca da ría de Arousa. Pertence á parroquia de Aguiño, no concello de Ribeira. Xunto cos illotes Vionta, Herbosa e Noro e as Sagres forman o arquipélago de Sálvora, integrado xunto cos de Cíes, Ons e Cortegada no Parque nacional das Illas Atlánticas no ano 2002.

Durante anos estivo poboada e tivo actividade agrícola, gandeira e pesqueira, pero está case deserta desde 1972. Nela atópanse, amais da aldea, 8 horreos, un lavadeiro e a fonte da Telleira ou de Santa Catalina, un almacén de finais do sec. XVIII ampliado cara 1963 con duas torres con aire de pazo, unha antiga taberna reconvertida en capela, un faro, un peirao un cruceiro, dous muíños e a estatua dunha serea. A parte do interior da ría conta con areais frecuentados por mergulladores deportivos.


As illas Sisargas son un arquipélago galego sito no Océano Atlántico en fronte a Malpica en plena Costa da Morte formado por tres illas, Sisarga Grande, Sisarga Chica e Malante, que pertencen ao concello de Malpica de Bergantiños, na provincia da Coruña.

A importancia das Illas Sisargas está nas súas colonias de gaivota escura, gaivota tridáctila, paíño europeo e arao dos cons, aves escasas en Galiza e na península ibérica e que teñen aquí unha das súas maiores colonias. Ademais existe unha importante poboación de corvo mariño cristado, andurón real , gaivota patiamarela e choia biquivermella .